default-logo
By :
Comment : 0

Quietude

Ribadeo ás sete da mañá dun día de diario é quietude. É só case hora e media máis tarde que o pobo comeza a moverse, coa xente máis nova, os estudantes, dirixidos ós institutos e colexios. Despois, serán substituídos aínda por nais (sobre todo, nais) que levan ós seus pícaros ó colexio porque son pequenos e aínda non van ben sós, e logo, polo ‘público en xeral’.
Pero mentras vai evolucionando o día, un amencer de maio coma iste amosa unha mañá belida, con matices nas nubes cortados de cando en vez por algún ruido de gaivota ou outro paxaro, e moito máis ocasionalmente, por algún veículo a motor, moto ou coche, destacando o do lixo tanto pola súa intensidade como pola súa duración.
Despois de cada interrupción, en xeral mínima, volve a calma, e o tempo permete unha reflexión vital tranquila, desas que axudan a afrontar o día con optimismo, mesmo cun sorriso cómplice coa natureza.
O avance do tempo vai tornando a relación de forzas, ata que a calma pasa a ser cousa doutro momento, troceada unha e outra vez por interrupcións diversas. Pero, mentras, pode aproveitarse e desfrutarse, se se está descansado.
No día de hoxe, unha vez amencido, o reloxio da igrexa da as oito. É hora de incorporarse ó río dos pícaros camiño de tentar favorecer a súa educación.

Escrito por Agremon en Ribadeando, http://ribadeando.blogspot.com, o blog de Ribadeo
About the Author

Leave a Reply

*

captcha *

happy wheels demo