default-logo
By :
Comment : 0

Sen protesta non hai futuro: convocada unha concentración pola perda dun médico en Ribadeo

Poñía hai un par de días a frase como comentario nunha páxina de apoio nunha restrición de persoal. Hoxe úsoa como título, despois de ter xa falado do tema da perda dun médico no servizo público de Ribadeo e tendo unha idea na cabeza: a protesta non asegura o futuro (que depende do tipo de protesta, a súa influenza, … e de factores externos) pero achéganos á súa posibilidade e á nosa propia consistencia e consciencia.
Deixo embaixo a nota da convocatoria dunha concentración de protesta para a mañá do mércores, ás 11 e media no Centro de Saúde de Ribadeo. Na nota hai razóns, o mesmo que na miña entrada do outro día, pero o que vai contar na túa decisión, sobre todo, vai ser o sentemento. Por iso, anímote a que revises os teus sentementos, se crees que debes facer algo ante este arrase permanente de dereitos, servizos, vontades, … e se crees que unha protesta aquí está xustificada. Pénsao, e se o ves, actúa. Se non o ves, segue como se non pasara nada: para ti, o que pasa no importa.

–>

O SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA DE RIBADEO RETROCEDEU EN DOTACIÓN DE PERSOAL SANITARIO AO ANO 1985 A PESAR DO INCREMENTO DE POBOACIÓN.
A PLATAFORMA CONVIDA Á POBOACIÓN RIBADENSE A CONCENTRARSE O PRÓXIMO MÉRCORES CONTRA OS RECORTES DE PERSOAL NO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADEO.
A Mariña, 13 de setembro de 2013. A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denuncia que os recortes orzamentarios no Servizo de Atención Primaria de Ribadeo en dotación de persoal sanitario fan retroceder ao ano 1985 o cadro de persoal despois de perder unha praza en enfermería, unha de Persoal de Servizos Xerais e agora unha praza médica. A Plataforma considerou inadmisíbel esta redución do persoal que contrasta co medre poboacional- mil habitantes mais que en 1985 – , cos incrementos de poboación estacional ou coa dispersión, polo que non admite a retórica da Xerencia de Xestión Integrada de Lugo que xustifica estes recortes como se foran melloras cando os recortes nunca son melloras.
A Plataforma chama á poboación ribadense a concentrarse o mércores 18 ás 11:30 nas inmediacións do Centro de Saúde.
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración nas inmediacións do Centro de Atención Primaria de Ribadeo o próximo mércores 18 ás 11:30 como protesta pola eliminación dunha praza médica neste centro que xunto con outros recortes de persoal como unha praza de enfermaría e outra de Servizos Xerais devolven o cadro de persoal do centro ao ano 1985.
Dende a Plataforma consideran que a cidadanía ten que rebelarse e saír á rúa para defender os seus dereitos como usuarios e usuarias da sanidade pública e non permitir que a Xerencia de Xestión Integrada continúe co seu programa de recortes de persoal que degradan de forma constante a calidade asistencial.
O SERGAS cos seus recortes devolve o cadro de persoal do Centro de Saúde Ribadense ao ano 1985 cando a poboación censada medrou en mais de 1000 habitantes.
Segundo informan, o censo de poboación en Ribadeo medrou dende 1985 en mais de 1000 habitantes, pasando de 8.973 en 1985 a 10.061 segundo o último padrón publicado, boa parte dela reside en zonas dispersas, recebe poboación visitante non só en determinadas épocas do ano senón de xeito permanente; á vista das últimas medidas adoptadas ningún destes factores parecen ter relevancia para o SERGAS que aplica constantes recortes de persoal que levaron ao centro de asistencia primaria de Ribadeo a unha situación comparábel ao ano 1985 tras perder unha praza de enfermaría, unha de Persoal de Servizos Xerais e agora unha praza médica.

Escrito por Agremon en Ribadeando, http://ribadeando.blogspot.com, o blog de Ribadeo
About the Author

Leave a Reply

*

captcha *

happy wheels demo