default-logo
By :
Comment : 0

Comparativa de Ribadeo e o occidente astur. Nota de prensa de O Tesón

O pasado sábado 28 de setembro, dentro das actividades da AVV O Tesón, tivo lugar unha visita dun grupo de ribadenses a varios lugares do occidente astur.

En primeiro lugar, o grupo recalou no Castro de Coaña. Alí tivemos a oportunidade de coñecer cun certo detalle a vida castrexa, e asemade de facer unha pequena difusión dun dos nosos castros, o Castro das Grobas, en situación ben diferente ó de Coaña, e do que se lembrou que a día de hoxe, anos despois das catas e promesa da difusión do informe correspondente, está de novo a monte.

 Despois tivemos unha xuntanza coa xente da Casa Azul, asociación naviega que procura e promove actividades nun amplo abano, entre culturais, veciñais, de concienciación ecolóxica ou social, etc. Como resultado deste encontro, espérase cooperar en diversas actuacións no futuro.

 Máis tarde visitouse o mirador da praia naviega, observando a máis da paisaxe diversas diferenzas entre a ría de Ribadeo e a ría de Navia, o seu desenvolvemento e coidado.

 Pola tarde, os viaxeiros retornamos despois da visita ó Museo Etnográfico ‘Juan Pérez Villamil’ de Puerto de Vega. No museo poidemos observar diferentes aspectos relacionados coa xente, o mar, a terra e a actividade da zona, e de novo comparar a existencia deste museo coa falta dun lugar parello en Ribadeo. Falta que segue habendo a pesar das varias veces que se ten pedido e mesmo ofertado material, ou habilitado espazos que, de partida, podían ter dado acubillo a numeorsas pezas que forman parte do noso patrimonio, historia e mesmo futuro.

En resume, un ano máis, unha viaxe aproveitada non só para desfrute, senón tamén para poder mirar a Ribadeo con miras máis amplas.

About the Author

Leave a Reply

*

captcha *

happy wheels demo